04/12/2021
🔴 A RICHADA REGRESA A FORCAREI EN FORMA DE XORNADAS GASTRONÓMICAS
• Os restaurantes da localidade ofrecen un menú especial para esta celebración, do 4 ao 8 de decembro, cun prezo fixo de 18 euros
O evento gastronómico de referencia en Forcarei, o que exalta a carne richada, regresa este ano á localidade en forma de xornadas gastronómicas. Celébranse dende mañá sábado, 4 de decembro, ata o vindeiro mércores día 8.
Despois de que en 2019 o novo goberno local recuperara a organización municipal da Festa da Richada con numerosas actividades paralelas á celebración, o ano pasado suspendeuse debido á pandemia polo covid-19. A situación epidemiolóxica do último mes no municipio de Forcarei, cun importante número de casos positivos de coronavirus, desaconsella impulsar esas outras actividades nas que se poida reunir un número elevado de persoas.
Á espera de que se dean as condicións necesarias para celebrar unha gran festa, os restaurantes de Forcarei animáronse a transformar o evento e impulsar as Xornadas Gastronómicas da Richada. Dende mañá ata o mércores 8 de decembro ofrecen un menú especial cun prezo fixo de 18 euros, que estará composto por un entrante a escoller, un prato principal de Richada con cachelos, postre, café e bebida.
Este menú estará dispoñible no restaurante Victoria, no restaurante París, no restaurante Florida e no bar Gran Sol. En todos eles é imprescindible realizar reserva previa. Ademais, segundo as últimas restricións marcadas pola Consellería de Sanidade, é necesario presentar o pasaporte covid para acceder aos establecementos de restauración.
O Concello de Forcarei, pola súa banda, apoia este evento co deseño e a difusión dos carteis informativos e coa promoción do mesmo.