Tradición e futuro.
A Banda de Música Xuvenil de Xinzo, iniciou a súa nova etapa no ano 1979, cando un grupo de rapaces iniciábanse na música da man do mestre D. José Guillén Lorenzo (Músico Profesional da Banda Militar do Cuartel de Barreiro en Vigo).
O 28 de Xuño de 1981, fixo a súa presentación oficial na parroquia, cun concerto. Ao longo dos primeiros anos foron varios os directores que aportaron o seu graíño de area para que esta agrupación fose acadando o nivel co que hoxe conta, e así podemos destacar a D. José Guillén Lorenzo, D. Bolivar González Rodríguez, D. Sergio Hurtado Carrascosa e D. Antonio Budiño Durán.
Durante este tempo foron varios os músicos desta agrupación que acabaron por dedicarse profesionalmente á música, Delio, José Luís, Yolanda e Marcos Represas Carrera, José Ángel Presa, Benito Porto, Feliciano Cebreiro, Andrés Covelo, Fernando Abreu, etc. Un destes músicos, formado no seo da banda, D. Miguel Anxo Castro Carrera, foi o encargado de dirixir a banda dende o ano 1996, ata maio de 2006.
A partir de maio de 2006, e ata decembro de 2007, a banda estivo dirixida por D. Álvaro Varela Ferradáns. Neste período impulsouse de xeito decidido a Escola de Música de Xinzo, impártense novas especialidades musicais, aumentase o número de educandos da mesma, e danse os primeiros pasos para crear a Banda da Escola de Música de Xinzo.
En decembro de 2007, a Banda da Escola de Música de Xinzo, preséntase oficialmente cun concerto no Centro Cultural da parroquia de Xinzo (Ponteareas).
En xaneiro de 2008, cambia novamente a dirección da banda, e colle a batuta D. Iñaki Lecumberri Camps. E dende outubro de 2008 ata marzo de 2011, a dirección desta agrupación corre a cargo de D. César Núñez Pérez. A finais de Marzo de 2011 ata decembro de 2014 asume a dirección da banda D. Juan Carlos Díaz Álvarez.
Dende finais de xaneiro de 2015 asume a batuta da banda D. José Javier Bascoy Iglesias. Recolle primeiro a batuta o mestre Angel Antonio Montes Abalde durante o 2016 e despois Roberto Sánchez Barreiro ata o 2018. Sendo o actual director D. Javier Blanco González.
No 2017, acada o Premio AGADER ás iniciativas xuvenís de desenvolvemento rural. En decembro dese ano, preséntase unha nova agrupación no seo da asociación, a CORAL CANTARES DE XINZO.
O Diario Oficial de Galicia, publica o 23 de marzo, a Orde pola que se aproba a constitución da FUNDACIÓN MUSICAL DE XINZO. Esta Fundación, que nace da propia Banda de Música Xuvenil de Xinzo, ten un encaixe xurídico pioneiro en todo Galicia, dado que se trata da primeira Fundación de Interese Galego que se constitúe en exclusiva a partir dunha Banda de Música.
Consolídase como un referente galego da música bandística e a cohesión social.