
13/02/2025
Esta miña profesión de idear, organizar e producir, é moitas veces, coma un daqueles sobres sorpresa que vendían as rosquilleiras nas festas, e que mercabamos sen saber o que nos iamos atopar dentro. Abriámolos con ansia e nervios, as mans temblorosas, os ollos moi abertos e atentos, a incertidume toda facendo parte da maxia.
O ano pasado, o meu sobre sorpresa, trouxo a inmensa oportunidade de axudar a repensar unha festa que levaba acontecendo dende que eu era aínda unha cativa: a Festa do Caldo de Ósos, en Taboada No camiño, non pouco traballo e moitas, moitas e moitas regalías, case sempre, en forma humana.
Este ano, volvo ter a fortuna de xuntar as miñas mans, coas de outras moitas, para seguir construíndo un novo e actualizado imaxinario darredor do caldo de ósos, e de todas as persoas que o custodian.
Faime feliz este cartel que ilustra a ###III edición e que hoxe se fai público. Sorrío ao velas a ELAS aí, no centro, cómplices, compañeiras, recoñecidas, homenaxeadas. ELAS, gardianas da tradición e custodias do legado.
ELAS, nutríndonos.
ELAS, levando o mundo enteiro na cabeza.
ELAs, protagonistas (por fin!!!)
A obra, esta fermosa acuarela, agroma dos dedos e a creatividade de Rosa de Cabanas, a quen agradezo que sempre acepte aventurarse comigo, contra vento e marea.
Que todo esto aconteza, é grazas á existencia dun equipo de goberno comprometido, que mira á súa veciñanza con pleno respecto e admiración; e que entende que non hai mellor carta de presentación ante o mundo, ca valorar as raíces propias, como o maior dos tesouros.
Nos vindeiros días, irei compartíndovos o que hai dentro do novo sobre sorpresa. Adiántovos, iso si, que arrecende a un caldo cociñado con amor de nai.